fbpx
Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía

WOLFRAMITA

O termo wolframita pode ter a súa orixe na unión de dúas palabras do alemán antigo: wolf e ram («escuma de lobo») en alusión á substancia de aspecto espumoso que se forma durante a metalurgia do  wolframio. É un termo xeral que recolle minerais intermedios entre a ferberita (FeWO4) e a hübnerita (MnWO4). Xunto coa scheelita ( CaWO4), representa a  mena principal do wolframio ou tungsteno.

O wolframio ou tungsteno emprégase na fabricación de filamentos para lámpadas eléctricas, en elementos de corte, como escudos contra a radiación ou na soldadura TIG (Tungsten Inert Gas), entre outras aplicacións.

A wolframita atópase a miúdo xunto co cuarzo, en pegmatitas graníticas e como depósito hidrotermal. Presenta unha elevada densidade (7–7,5 g/cm3) e o seu hábito característico é en cristais tabulares. Algúns xacementos importantes atópanse en Galicia (Monte Neme e San Finx) e en Portugal (Mina da Panasqueira).

wolframita

Na imaxe, exemplar de wolframita procedente da mina de San Finx (A Coruña) que poderás atopar na vitrina «Sulfatos, Cromatos, Molibdatos e Wolframatos», da colección de minerais «D. Manuel de Sas de la Encina» (Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía).